Uqui Permui, Compostela, ouro, verde e negro, roda cromática

De que cor é Compostela?
Publicación
Fotografía
Cor

Dicía Luís Seoane, que «cada libro ten unha historia que contar, independente do tema que trate, unha historia referida a súa edición», e así é, normalmente unha historia invisible. Neste caso, Ouro, verde e negro… xorde dunha proposta do Consorcio de Santiago de Compostela para crear un libro sobre Santiago de Compostela a partir dos relatos —fotográficos e escritos— feitos por varios autores de referencia. Un primeiro paso foi analizar o material, e encontrar un punto en común entre eles, así, debaixo de cada palabra e imaxe, descubrín a vivencia que cada un ten coa cidade, polo que pensei que a mellor forma de participar no libro era unirme a ese crisol de experiencias e sensacións, e amosar a miña visión de Compostela. Santiago é fermosa de noite e de día, con sol e con choiva… a pedra recúbrea como unha pel que muda dependendo da luz, e nunca a atoparás coa mesma cor, por iso é tan especial, e tan interesante descubrir… só cando a recorres de noite baixo a choiva, podes quedar prendida polas luces escintilando no chan, como amosan as fotos de Peitavel, ou só cando despertas antes que a cidade, podes descubrir como brilla o branco das poucas paredes pintadas, ou o son das primeiras cadeiras que saen dos bares para recibir ao visitante e o dourado das pedras cos primeiros raios… As fotografías de Tono, Peitavel e Adolfo empuxáronme a ver a cidade dende outra perspectiva, subín á Torre da Carraca, e alí, dende a estrutura montada para restaurala, contemplando as liñas que constrúen o plano da cidade e recibindo a información que me enviaban as células fotorreceptoras, pensei en contar, uníndome aos seus relatos visuais, como cambia de cor a cidade, intentar analizar o seu circulo cromático, cos seus múltiples matices. E así, como por arte de maxia, todas as historias que tiña na mesa, fóronse ordenando para crear este libro. Ouro, verde e negro, como lembraba Seoane dende Bos Aires «e alí entre as vellas pedras cubertas de liques, ouro, verde e negro, as fachadas románicas e barrocas, chuvia e néboa, acendéronse os meus primeiros soños […]» e deu a casualidade que isto lía mentres pensaba nas cores de Compostela, estou de acordo contigo Seoane… ouro, verde e marrón case tirando a negro. Ver a publicación
Uqui Permui