Uqui Permui falando na entrega dos premios Galicia Deseño 2023

Premios Galicia de Innovación e Deseño 2023
28 Decembro 2023

É un orgullo ser distinguida co Premio Galicia de Deseño, na categoría de profesionais que contou, entre os finalistas, cos colegas Álvaro Valiño e Tomás Alonso, a quen admiro e con quen comparto espazo na exposición "From Spain With Design: Identidade e Territorio" de READ. Onde tamén participa Amalia Puga, finalista na categoría de Talento Emerxente, nesta categoría recolleu o galardón Ismael Velo, deseñador de produto. Así mesmo, na categoría de Empresas que Apostan polo Deseño, o recoñecemento foi recollido polos colegas de DAG, de Costa Comunicación Visual.

O xurado estivo constituído por Xose García, presidente de DAG, David Barro, da Fundación Didac, o presidente do Clúster da Comunicación,​ Alberto Garnil, e a deseñadora​ ​Coca Rivas, quen fixo entrega do Premio. 

Estes premios non só son un recoñecemento persoal, senón que tamén constitúen unha valiosa ferramenta para medir o pulso do deseño e a innovación en Galicia. Neste momento, somos numerosos os e as profesionais que traballamos en diversos ámbitos do deseño, e moitos máis están a emerxer, como se evidencia na calidade dos proxectos presentados na categoría de Talento Emerxente. Con todo, é necesario impulsar un maior apoio tanto a nivel social como empresarial.

O deseño vai máis aló da comunicación e do produto; debe incorporarse desde as etapas iniciais nas estratexias empresariais e gobernamentais, no deseño de servizos, na arquitectura web e na concepción do futuro. Creo firmemente que o deseño en Galicia está preparado para enfrontar os desafíos do futuro, e sería lamentable desaproveitar o seu potencial.

Pechamos o ano cun importante recoñecemento á nosa traxectoria, o Premio Galicia de Innovación e Deseño que outorga a Xunta de Galicia, por medio da Axencia Galega de Innovación GAIN ás persoas ou estudios e ás empresas galegas que destacan no seu impulso pola innovación e o deseño.

Premios